Ourizos

Léronme a man. Carumas nos meus ollos mentres escoitaba aquela certeza de xeo: “fuxe deste novo amor que será o teu terceiro e derradeiro esborrallamento”. “Non te creo”, mentín desafiante: “xa non quedan montros”.

Máis tarde, atopei unha mensaxe da miña meiga: “Non existen, aseguroume, un intre antes de conducirme silandeiro até o seu tobo”.

Pero esta vez sorrín… o futuro non sabe que hai xa moitas enrugas que aprendín a acariñar ourizos.

Acerca de Ambrosio Berza

Enésima reencarnación de Bitter Bierce, aquel gringo vello que quixo morrer nunha revolución; do capitán pirata Bellamy na procura da Illa Tartaruga; do prófugo camiñante Thoreau; da fotógrafa Tina Modotti seducindo a Frida e a Diego; do Castelao que predica as espigas e debuxa os espigóns. A.B. fai súas as palabras de Coomaraswamy, "o artista non é un tipo de persoa especial, senón que cada persoa é un tipo especial de artista". Camiña polo mundo e conta o que ve: con sentimento e sen pretensións. Nómada psicolóxico pero amante da súa terra, non pode afastarse moito do seu pendello virtual: así chama á zona temporalmente autónoma na que garda as súas miraxes.
Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.