A Orixe das palabras

Séchu teme que as palabras fiquen perdidas nun mundo escuro, e non sabe que el non para de abrirlles xanelas.

Adoitan facer corros e amosarse en historias que semellan diferentes e máis son unha soa. Pero ás veces, agasallo do caos, algunha desas palabras esbara do seu mundo enguedellado e vén dar ante os nosos fuciños. Os Domadores de Palabras son quen de collelas e pousalas no lugar axeitado para que outra persoa novamente as faga voar cun doce suspiriño. E as palabras, polen en patas de abellas laboriosas, van así de beizo en beizo e man en man.

As que eu teño agora veñen de M., acariñounas L., e provisionalmente están comigo neste chanzo, agardando que as ceibe de novo. Dáme pena, son fermosas e traen moito amor ás costas, pero sei que debo disfrutalas mentres tanto me aluman, e logo deixalas ir, de A punto para Letra punto…

Acerca de Ambrosio Berza

Enésima reencarnación de Bitter Bierce, aquel gringo vello que quixo morrer nunha revolución; do capitán pirata Bellamy na procura da Illa Tartaruga; do prófugo camiñante Thoreau; da fotógrafa Tina Modotti seducindo a Frida e a Diego; do Castelao que predica as espigas e debuxa os espigóns. A.B. fai súas as palabras de Coomaraswamy, "o artista non é un tipo de persoa especial, senón que cada persoa é un tipo especial de artista". Camiña polo mundo e conta o que ve: con sentimento e sen pretensións. Nómada psicolóxico pero amante da súa terra, non pode afastarse moito do seu pendello virtual: así chama á zona temporalmente autónoma na que garda as súas miraxes.
Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.