Contos de Portocubelo: a espiga e o espigón

– Home, en boa hora! Apareceuche o acordeón?

– Esa tarasca da miña filla tíñao agachado e deume abondo que atopar. Pero non tardei só por iso: xa vos dixen que hoxe viñan os políticos falar das eleccións e a estes tiña boa gana de os escoitar.

– Que políticos?

– Os das municipais. Esta tarde estaban os da dereita e mailos da esquerda, e fun oír o final do mitin, que tiña curiosidade. Ándanvos moi revolucionados. Mesmo se fala de que a coroa do Alfonso periga se gañan os do bando republicano…

– Falas das municipais do 31???

– Do 31 non, do 12. 12 de abril do 1931: a algúns éncheselles moito a boca a dicir que desta botan ós borbóns dunha vez…

– Pai, se axudase máis na taberna e lle dese menos á lingua…

– Cala a boca e ponnos seis taciñas de viño, que temos sede!

– Soberbia é o que tedes… pasade buscalas aquí, que estou vendo vir ó resto da comitiva e eses si que han traer sede… dúas horas levan discutindo cadanseu rosario, uns no campo da eirexa os outros aló onda a praia do porto. Hai ben pouco que facer, home!

– A ver logo que vos sirvo eu… Que logo, Xemán, xa acabastes vós tamén?

– Si ho si. Xa vos vin que rematarades ó mesmo tempo: dígocho eu, Ignasio: cambian de orde as palabras para confundírennos, pero no fondo dinche o mesmo todos!

– Se cadra si… que tal estivo o Casares?

– Boeno… ser é un señor, diso non hai dúbida. Ben se lle ve que é de bo berce: vestido moi fino, cun chaqué negro e pantalón a raias, chaleque gris e todo repeinado…

– … e mans finas tamén, de señorito!

– xa empezamos! É un doutor, como ha ter as mans senón? Querías que trouxera unha pucha coma nós e a camisa dacotío, ou que? Ademáis, has falar ti do voso, seguro que tiña callo nas mans, xa que logo?

– Os nosos, que viñan tres. O Castelao é médico tamén, pero disque non exerce porque non ve ben dun ollo, aínda que el fai o chiste de que se abstén de exercer por ben da saúde pública, é retranqueiro o cabrón… E logo había un dos Agrarios, un tal Villar, e un fotógrafo. Castelao non, que é un artista, pero o Villar tiña as mans curtidas, meu home, ben se lle vía que pregoaba co exemplo!

– Fotógrafo tamén viña cos nosos. Que tamén eran tres. Non che digo eu que son todos iguais, que moito falar moito falar, pero o único que queren é saír guapos nos santos do xornal…

– O noso máis que fotógrafo seica lle dá ó cine. Un tal Velo, daló da zona do Ribeiro, que seica anda rodando unha película sobre Galicia. Tiña mundo, non creas que é coma o teu, que seguro que lle pagan dous reás por mandar os retratos ó Ideal Gallego…

– Será logo mellor mandalas a El Pueblo Gallego para adornar as columnas marxistas esas que les ti…

– Non son marxistas, que non entendes nada, son nacionalistas, falan daquí, do noso, da terra, do pobo. Pero a ti interésache máis saber onde veranea o señor Calvo Sotelo, claro… por certo, que non veu canda o Casares, va que non?

– Non ha ter mellor cousa que facer o Sotelo que vir adornarlle o discurso a Casares, vaites… á parte de que non o necesita; téñenche as cousas moi claras e traballan todos polo mesmo, que é non deixar que o país o secuestren os rusos e os ateos.

– Volta co discurso do padre Anselmo… seguides coa teima esa de que os republicanos vos van queimar as eirexas, non é?

– Non se trata deso, carai, pero eu son católico, coma a maioría dos españois, e non me pinta nada ben eso que pregonan os republicanos, que moito “cada un que rece o que queira”, pero a min o que me parece é que miran porque non se rece nada. A Igrexa non lle fai mal a ninguén, ou vas dicirme que D. Anselmo non é bo para Portocubelo? Organiza o teatro por Nadal e Cuaresma, axuda na romaría dos Remedios, dálles catequese ós nenos…

– Pois a iso vou eu, que maldita a falta que teñen os pequenos de ir á catequese. E se me apuras, de que lles falen de toda esa recua de santos no colexio. Se aprenderan matemáticas e historia coma os franceses, mellor nos iría a todos…

– Ves? comezades por querer quitar a Deus dos colexios e rematades por deixar que os homes e as mulleres se xunten coma os cans…

– Do que falamos é de permitir o divorcio, non de que a xente non case… Boh! Nunca nos habemos entender. Ti ándasme diario co padrenuestro de Calvo Sotelo…

– Pois non tén mal ningún! El fala de crear seguros para as familas, de organizar arrendamentos colectivos para frear os dereitos dos caciques…

– … esa sí que era boa! Sábeo todo o mundo, que moito dar poder aos municipios para reducir o caciquismo, pero el ben que fixo boas relaciónes personais alí en Ourense ó abeiro de Primo de Rivera! Mentras a peseta vai quedando cativa ó pé das outras moedas de Europa. E por enriba é un hipócrita: fai que está retirado pero os do Pueblo Gallego xa anunciaron que anda na organización dun partido novo de cara ó goberno da República (porque non vos enganedes, que República habela vaina haber):  Renovación Española. Sempre che foi moi hábil este home a enfiar boas agullas, verás como se apaña para dar favores e gañar escaños cando lle fagan falta…

– El tampouco engana a ninguén, eh! Di que se se vota República a vai respectar, igual que faremos todos. Só que tén que ser unha República de España, non esa merdeada que andades a falar vós de dividírmonos en rexións e facer coma quen que estamos xuntos pero sen estar… boh! Nación hai unha, España. Despois claro que hai rexións, quen volo nega? están os de Betanzos que teñen repolos bos, os de Aguiño, que apañan percebes da quilo, os de…

– Sempre igual. Non tedes ideas nin tedes nada. Non vos importa a terra. Sabes de que nos falou hoxe a nós o noso, o Castelao?

– E de que había ser? Do de sempre! Do galego, da teima esa da nación…

– … falounos de espigas. Falou de que o pobo non podía seguir tendo fame cando había terra rica baixo de nós. E o Villar Ponte, o que viña con el, explicounos como organizármonos para conseguir arrrendar a terra a bo prezo e mesmo mercala. Prometeunos que se lles votamos virán e traerannos mellores cultivos e arados máis preparados para o noso agro.  Verás: todo nos custa máis cada día, e nembargantes o millo non nolo mercan a mellor prezo simplesmente porque cada día é máis cativo: Castelao prometeunos un gran mellor, para ter espigas grandes, millo roxo e marelo e corvo, espigas grandes de todos tipos de millo! Explicounos cómo se levan noutras parte de Europa as cousas das sociedades, porque é fundamental, non lles falta chispa de razón, que sexamos nós quen levemos as directivas das Agrarias. Xa abonda de que nos representen os mestres, os curas e os señores: temos que ser nós, os labregos, os que miremos por nós. Mirade para os obreiros, ou para os sindicatos de emigrantes, canto mellor lles vai!

– Vaia! deso pensei que habían falar os nosos, porque disque a Unión Regional de Derechas tén no programa mellorar as condicións dos que vivimos da terra, pero resulta que viñeron falar do mar! é que esto dos partidos, agora mesmo, éche un lío! porque o Gil Casares falounos de que anda tamén cun novo na cabeza, algo así como Acción Popular. Xa non se sabe de qué pé coxea cada un, meu vello!

– Pois os nosos tíñano claro. O Antón Villar traía os números na cabeza: a carne galega que lles mandamos ós cataláns está a baixar de prezo no mercado de Barcelona, e por culpa do tratado de Uruguay agora pódese traer de fóra carne conxelada, que claro, é ben peor, pero moito máis barata. E o viño, outro problema! como disque hai crise para vender os viños españois fóra, pois non teñen mellor ocorrencia que prohibir que se cultive máis viño de Ribeiro!

– De viños mellor non fales, que sabemos ben todos que o que nos pós aquí é o matute ese perralleiro, es ti bon para eso!

– Non tal! Na de Ignasio só hai viño de calidade, Ribeiro, Quiroga e Ulla! Home vaia! Pero a ver logo, que vos dixo o señorito sobre o mar? van sementar maragotas?

– Pois díxonos que se lles votamos farán porque teñamos lanchas mellores, e un sitio máis xeitoso para gornecelas.

– …e  logo pensan mudar de sitio o porto, ou?

– Non que va, haste rir… o que queren é facer unha contención para os temporais… vaia… un espigón!

– Hahaha! a nós prométennos espigas grandes e a vós espigóns!!

– Hahaha…. non che digo que todos iguais!

– Todiños!

– (…) Entón… desculpade que vos moleste, pero… o que daba o discurso aló na eirexa era Castelao? O de Rianxo?

– O tal.

– … e o do porto, Gil-Casares, o alcalde de Santiago?

– Pois si, viña co Ramón de Tracelos, o candidato pola Unión Regional. Ben sabedes que Gil-Casares sempre tivo afección polos temas navais (disque o sabe todo da marina da Gran Guerra), así que é quen fai as veces de asesor político e máis náutico dos candidatos monárquicos da Coruña.

– Uauu… nós… vaia, nós temos oído falar bastante de Castelao… é tan bo orador como din?

– É. Eu lera artigos del no Pueblo Gallego, pero recoñezo que en persoa impresiona máis. Xa o coñecín na Coruña cando fumos á aquela xuntanza de acordeonistas que organizou Antonio Mallo, o que montou o ano pasado a orquesta que veu ás festas, non sabedes? Pois total que alí na Sociedá de Recreo había unha exposición que argallaron os da Irmandade de Coruña sobre os traballos da revista Nós, e xusto aquel día daba unha conferencia Castelao. Xa nos ves alí a trinta ou corenta acordonistas da Coruña cos ollos regalados ás palabras daquel home: haberá uns dez anos desto, e non o coñecía ninguén. Pero meu home! nós quedaramos a escoitalo porque nos fixeran moita gracia os debuxos que tiña alí, e resultou que en persoa era ben gracioso, e aínda mellor: un cerebro, un prohome. Por eso desde aquela o sigo eu moi atento nos xornais, tanto polos debuxos no Faro de Vigo coma polos artigos no Pueblo, que sempre foron cabais e sentidos. E os debuxiños non son para nenos, non, que teñen moita retranca e moita sabedoría dentro!

– E que vos explicou hoxe?

– Pois falounos dun pacto que lle chaman de Barrantes que seica asinaron aí atrás, en setembro, e que xunta a tódolos galeguistas para defender o noso país dos caciques e da tiranía do goberno central e da monarquía. Din que se lles votamos han loitar para que o ensino sexa en galego, mesmo na Universidade, e que han estar sempre do lado dos traballadores.

– Pero el a que partido pertence exactamente?

– Pois está co Partido Galeguista de Pontevedra, un dos que anda a redor da ORGA. Pero polo que vin eu hoxe, o que queren é montar un Partido Galeguista único para toda Galicia. Din que nas municipais vai caer o rei, e que se proclamará a República. E que con ela virá a soberanía da nosa nación, polo que hai que formarse e estarmos xuntos para cando sexa o momento. Falou dun estatuto para nós, imaxinades? un estatuto con normas para a nosa nación, porque eles din que somos moitas nacións dentro dun estado, e que temos dereito a autogobernarnos.

– Pero como ha ser Galicia unha nación, ho? e entón España que é, unha nación con nacións dentro, coma un ovo de dúas xemas?

– De dúas non, de cinco. Castelao di que España leva un “h” diante, porque é a Hespaña que vén da Hispania romana do latín, e que xunta dentro ás nacións dos cataláns, dos casteláns, dos bascos, dos galegos e dos portugueses.

– Os portugueses? O que me faltaba, home!! E logo non serán moitas patacas para un mesmo cesto?

– E por que non? disque o portugués sae do galego, mira se somos importantes! Nós podemos facerlles enterse ós casteláns, que os hai en medio mundo, cos portugueses, que os hai noutro medio!

– Pois a min gustábacheme máis que falaramos todos o mesmo idioma, e así xa non había problema ningún. Que mecagoendiola, vou cunha xouba ó mercado a Padrón e xa non me entenden, pois disque tén que ser parrocha!

– Boh, es ben ignorante! ter moitos idiomas é a riqueza, senón habíamos ser todos coma cans. Guau! Guau! Eis o idioma universal!

– Pois mira, menos problemas. Queres ‘guau’? Toma logo ‘guau’!

– E entón trábote e resulta que ti pedías bico e eu entendín guerra… a lingua é a que nos fai diferentes, burro, e non defendela é perder a dignidade! Castelao dixo hoxe que xa abondaba da cultura esterelizada que nos fan mamar por biberón, que queremos mamar a cultura na propia teta. E di ben!

– Moi ben logo. Pois pon a asturianos e bascos e valenciáns e andaluces a mamar todos das tetas, a ver qué tal lle vai á vaca…

– Tampouco é así. O caso é que para ser nación non vale con querer agora e listo; tés que ter unha comunidade con tradición histórica, lingua, terra, cultura. E nós témola, ou hasme dicir que a nosa carballesa e muiñeira e espantallo os hai por aí adiante? e as gaitas, que me dis das gaitas? gaita coma a galega non a hai en ningures!

– Vale logo. Pois facemos unha nación e collemos algo de terra de asturias, que tén boa sidra e queixos, e tamén unhas leiras de león, as de xamóns bos; un anaquiño de Portugal, ata onde é boa a lamprea… Aínda que os portugueses son raza á parte…

– Non ves, é que só che hai que deixar falar e xa metes o zanco ti só! Para un bo galego que quere á súa nación, afeitos como estamos a percorrermos o mundo e a convivir con tódalas razas, o nacionalismo racista é un delito, díxoo tamén Castelao. O respecto ao resto das nacionalidades dáse por feito, alma cándida!

– Boh, a min non me convences.

– Claro, a ti convéncente mellor os de sempre, os que chupan do teto por ti. Xa se ve onde estamos por seguir mantendo aos mamalóns que nos levan roubando o pan desque o día é día!

– E estes da esquerda son mellores logo…

– Mira, el contou unha historia, a ver se lle tiras a moralexa. Viña sendo así: “un home vive canda o seu fillo nunha cabaniña pobre no medio dun monte. Todos os días o pai vai á leña mentres o neno, que aínda é pequeno, queda na casa. Un bo día o pai enferma e pídelle ó fillo que o substitúa. Indícalle onde está a machada e o fillo, guiadiño, marcha á leña. Ó final da noite o pequeno chega apesarado á casa. “Que pasou?”, lle pregunta o home; “pai, rompeume a machada”. “Vaia, fillo, pois é un contratempo, pero non unha desgraza. Imos entallar outro mango, que igual este ía vello, e verás que mañá non tés ningún problema””.

– E amañouna así?

– Non sexas impaciente. Pareces o Pito, sempre con tanta présa que un día ha deixar a un cliente en terra e marchar co taxi baldeiro. Atende: “ó día seguinte o fillo marchou de novo ó monte, mentres o pai repousaba no catre. Entre lusco e fusco volveu o pícaro, e case non sabía como dicirlle ó home: “ai, pai, que traio de novo a machada rompida…! ” “Pero rapaz, outra vez? Sexa logo, iremos darlle outra volta a ese mango, non volva ser esto un tropezo mañá. Veña, comecemos”. E aló foron pai e fillo ó alpendre da leña a facer o traballo”.

– Pois non lle vexo eu o chiste á historia…

– Pero serás fato! Non rematei! Todos iguais, todos iguais… xa durante o mitin os do pobo fixeron igual, interrumper seguido ó bo do Castelao! Pero polo menos cando contaba a historia atendían, carafio!

– Xa calo, home, non te alporices. Sigue logo. Estamos todos atentos, mira.

– Ben. “Pois o conto é que ó día seguinte o rapaz ergueuse na amencida para recuperar o tempo que perdera os días anteriores e partir moita leña que traer á casa. Pero pola noite, unha vez máis, volveu coa machada fendida! Entón o pai, mirándoo en fite, díxolle: “fillo. Non te amoles máis. O que pasa é que estamos a facer algo mal. Refixemos o mango, fixemos un novo, e nada deu resultado. E eso é porque o problema non é do mango: o problema é da madeira, porque a mala madeira nunca pode dar bos mangos! E igual pasa na vida! Temos que cambiar ós que nos gobernan, porque son de madeira cativa e non han termar nunca de nós, non nos serven para o traballo bo, non son bos mangos!”

– Hahaha… seguro que daquela aplaudistes moito!

– Abofé que si! Non che digo que conseguiu que lle atendéramos todo o tempo! É que fala coa cabeza e o corazón!

– Vaia, menos aburrido có Casares parece, si… Pero mira quen che vén por aí, taberneiro…

– O Moncho e mailo Anxo! meu fillo, meu neto… traedes boa leña, logo, ou partistes a machada? Hahaha…

– Ai, pai, cada día che carrula peor a cabeza! E qué logo, temos festa aquí?

– Temos uns invitados de honra, seica veñen perdidos na noite esta. Dicíanme antes que se cadra podiamos tocar unhas pezas cos acordeóns. Botámoslle unha ou que?

– Pois home, os Ignasios nunca din que non a unha romería de taberna… Esperade un anaco que imos buscar os nosos!

– Xa vedes que aquí a madeira é de calidade… buxo do país, duros e fortes coma cornos! Haha!

– Anda Ignasio, anda… Oíches, por que non lles tocades a peza esa que fixeches para a miña sobriña Clarisiña, a que falabamos antes que se compuxo para o teatro do cura en Cuaresma.

– A de Antonio do Coxo? Parece que aínda nos vexo representándoa no baile de Pinto… Veña logo! Como era o discurso que había denantes de cantar?

– “Mía Carmela, quiéresme más?” “Peruchiño, quiérote toda! tú sabes de querer de otra manera? desde el día en que pediste que mi cariño te diera, los ojos desta rapaza no vieron más en la aldea que los ojos de Perucho, que con su mirada meiga, iban llevándome el alma de pasión llena, por serantes y toqueiros, por carballeiras y puertas; porque eres tú Peruchiño, y te lo digo de veras, el aldeano más garrido de los montes desta vera, y el que en todo este valle, baila mejor la muiñeira!”

Acerca de Ambrosio Berza

Enésima reencarnación de Bitter Bierce, aquel gringo vello que quixo morrer nunha revolución; do capitán pirata Bellamy na procura da Illa Tartaruga; do prófugo camiñante Thoreau; da fotógrafa Tina Modotti seducindo a Frida e a Diego; do Castelao que predica as espigas e debuxa os espigóns. A.B. fai súas as palabras de Coomaraswamy, "o artista non é un tipo de persoa especial, senón que cada persoa é un tipo especial de artista". Camiña polo mundo e conta o que ve: con sentimento e sen pretensións. Nómada psicolóxico pero amante da súa terra, non pode afastarse moito do seu pendello virtual: así chama á zona temporalmente autónoma na que garda as súas miraxes.
Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.