Da Esmorga

IMG_20140323_140011.jpg

INT. DÍA. PALLEIRA

O Pega repite para si o texto: “Comei e bebei o que queirais, pero da que escampe marchai de contado, non quero que vos vexan por aquí”. Está nervioso porque vai darlle unha azouta a Milhomes nas cachas e coñece ben o seu xenio: non de balde son curmáns. Teme que este se revolva e lle magoe o ollo san, e a ver daquela quen vai facer a augardente da Casa Grande. Susana non se inmuta e avíalle o chosco no entanto.

Cibrán e Milhomes preguntan a Mar qué calzóns van ter postos ó que se ispan para enxugaren. O Eladio, termando con fachenda do mantelo que ha vestir, anticipa a escena sen pudor. Para Cibrán non hai roupa prevista, e el sostén que botarse ó Milhomes cos cirolos ceibes vai despistar do obxectivo da secuencia, que é retratar tres homes ebrios abocados á desgraza. Aposta por levar a acción a un territorio máis orgánico e non recrear nese preciso intre a estampa da homosexualidade. Bocas non dá a réplica: marchou á roulotte pensar na dona do pazo.

Cariño e o seu equipo discuten na porta o xeito de eliminar a dobre sombra da luz artificial nos muros do palleiro, e pensan en como simular o escintileo dos candís no interior do cabanón.

EXT. NOITE XEADA. PAZO DE FERREIROÁ


Diego e Ignacio discuten acerca das fachadas do pazo, un preferindo a francesa e o outro a galega, máis basta pero xenuina. Diego fai apoloxía da Galicia colonizada e Ignacio menea a testa taciturno. Deteñen o seu coloquio cando, estupefactos, descobren no monitor a Long John Silver: xuncidos por esta paixón común, dan instrucións a Sandra para obter un primeiro plano do coxeo do Pega descendendo a escaleira. Deciden no momento que o travelling continúe cun plano medio da pelexa e remate coas caras dos esmorgantes partillando a augardente do alambique. Fundido a negro.

 

Acerca de Ambrosio Berza

Enésima reencarnación de Bitter Bierce, aquel gringo vello que quixo morrer nunha revolución; do capitán pirata Bellamy na procura da Illa Tartaruga; do prófugo camiñante Thoreau; da fotógrafa Tina Modotti seducindo a Frida e a Diego; do Castelao que predica as espigas e debuxa os espigóns.

A.B. fai súas as palabras de Coomaraswamy, “o artista non é un tipo de persoa especial, senón que cada persoa é un tipo especial de artista”. Camiña polo mundo e conta o que ve: con sentimento e sen pretensións.

Nómada psicolóxico pero amante da súa terra, non pode afastarse moito do seu pendello virtual: así chama á zona temporalmente autónoma na que garda as súas miraxes.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.